A FEGAMP en RETTURN
A tradición de autoconsumo e subsistencia na Montaña Oriental de Lugo sustentouse principalmente no pan, a carne e o mel, produtos que outorgan a identidade gastronómica e cultural ao territorio.
A vida nas illadas montañas orientais de Lugo baseouse en aproveitar de forma sostible todos os recursos existentes no territorio e, nas formas de vida destas terras, secularmente esquecidas, sobrevive a verdadeira esencia das tradicións, auténticos tesouros naturais que contan coa catalogación de Rede Natura e Reserva da Biosfera. Nada menos que o 47% da superficie de Rede Natura na provincia de Lugo atópase na Montaña Oriental, onde concorren tres Reservas da Biosfera.
A interrelación do ser humano co territorio para aproveitar todos os recursos dispoñibles acumulou un amplo acervo de saber vivir en comuñón coa natureza, que se transmitiu en forma de tradicións que contan coa súa particular terminoloxía.
É hoxe a montaña oriental de Lugo un atlas vivente de paisaxes culturais antrópicos xerados polo aproveitamento de recursos naturais ao longo dos séculos.
Experiencias
Pallozas e teitos de palla, economía verde e circular
O centeo é o xeneroso froito destas terras de montaña. Alimentou á xente e ao gando e a palla serviu para cubrir os teitos das pallozas e hórreos, elaborar pezas para protexerse das inclemencias climatolóxicas, para cama do gando e abono. En todos e cada un dos seus procesos, desde a sementeira, a sega, a mallega, ata que chega á mesa en forma de pan ou ao teito dunha palloza en forma de colmo, leva asociados todos os saberes ancestrais.
As leiras de pan orlan as contornas das aldeas de montaña, e xunto coas prácticas puramente dedicadas a procesar o centeo, manéxanse moitas outras como a música tradicional, os cantos das cuadrillas de segadores, os filandóns mentres se escolma a palla, a tradición oral de contos e lendas, as comidas de confraternidade veciñal, etc. que unen xeracións e persoas de distintas procedencias. O centeo valorizado como elemento construtivo, alimenticio e turístico xera na montaña oriental lucenses un mosaico territorial, cultural e emocional único.
Patrimonio popular apícola nos dominios do oso pardo
Na Montaña Oriental a apicultura a pequena escala desenvolveuse pacificamente nos dominios do oso pardo. O saber ancestral soubo atopar nos muros de pedra seca, que hoxe son patrimonio da humanidade, o aliado natural para defender os trobos das abellas da afección do oso ao mel. Os cortíns, cortizos ou cortinos probas vivas da historia construtiva de hai 4 ou 5 séculos, que se circunscriben ás serras orientais lucenses e algún territorio limítrofe.
Os cortins, situados en lugares de alto valor ecolóxico, son refuxios que biodiversidade que poñen en valor un mel feito no monte, mostran ao visitante a comuñón co medio natural á vez que dignifican o oficio da apicultura e a cantería tradicionais.
Gandaría de montaña, Trashumancia, valores ambientais e uso da auga
Na Montaña Oriental a gandaría extensiva modelou unha paisaxe cultural de aproveitamento de recursos naturais durante séculos. O uso da auga para prados de sega e dente deu lugar a unha perfecta rede de presas e pozos que, xestionadas mediante o sistema de quendas ou calendas, modela concas de alto valor ecolóxico. O aproveitamento dos pastos de montaña que xerou construcións como as alzadas para resgardarse os pastores e animais; A trashumancia ás brañas máis elevadas e o acceso do gando a pastos e montes debuxou redes de carreiros polos lugares máis belos do territorio, como os fabulosos soutos de castiñeiros ou carballeiras.
Todos estes saberes de aproveitamento do territorio a través da gandaría teñen un forte compoñente de cohesión social veciñal á vez que achegan valor á carne producida de forma extensiva en espazos naturais.
Vídeo das experiencias
Documentación
Datos de contacto
Federación Galega de Municipios y Provincias
fegamp.gal
Rúa Varsovia, 4C, 6º andar – Área Central
981 555 999
correo@fegamp.gal